O relato de Sastre, unha tipografía híbrida

[Galego] María Ramos

This article is also available in English

Pode alguén contar unha historia tal é como sucedeu? Canto hai de real nun recordo? Cando falamos do pasado creamos un relato, no que incluímos referencias obxectivas pero tamén datos recreados. O que contamos é a suma do que sucedeu e as sensacións que permanecen con nós co paso do tempo.

A de Sastre, a tipografía que presentamos aquí, é a historia dun proxecto que naceu fai algo máis de dez anos. Por iso, o que comparto é froito dun proceso memorístico que mestura acontecementos e sentimentos.

A orixe: o deseño

Sastre nace no ano 2014, en Inglaterra, a onde me trasladei para completar o Mestrado en Deseño de Tipografías da Universidade de Reading. Os primeiros bosquexos, feitos con papel e lápis, partían dunha idea máis ou menos básica: deseñar unha tipografía na que todos os caracteres estivesen debuxados só con liñas curvas. Neste punto de partida contaba alomenos cun par de condicionantes máis. O primeiro estaba relacionado co seu uso e funcionalidade: sería unha tipografía para texto, para ser utilizada en tamaños moi pequenos e parágrafos longos. O segundo estaba relacionado coa súa estética: quería xogar cunha xeometría quebrada, trazando un esqueleto no que o contorno exterior e a contraforma dos caracteres tiñan un número diferente de vértices. Esta dinámica tamén se trasladaría ás itálicas que, con menos vértices, crearía formas máis angulosas e expresivas.

Fig. 1 Un dos bosquexos iniciais de Sastre (decembro de 2014)

Fig. 2 Bosquexo para Sastre (febreiro de 2015)

En esencia, estas pautas iniciais mantivéronse ao longo do tempo, flexibilizando as exixencias cando era necesario. As curvas na base dos caracteres creaban liñas ondulantes que incomodaban a lectura. Así que optei por utilizar rectas nestes segmentos, procurando unha mancha de texto máis estable. O resto de trazos horizontais (barras e brazos) tamén seguirían a nova pauta. O dinamismo extremo do deseño foise domesticando, sosegando o baile de curvas e mellorando a funcionalidade da tipografía.

A evolución: as referencias

A xeometría presente na construción das formas derivou nunha busca  inconsciente de referencias visuais que puidesen guiar, ou quizais facer evolucionar o deseño. Foi entón cando empecei a identificar a estrutura quebrada, que caracteriza a Sastre, en distintos lugares.

A natureza, onde as xeometrías se producen de maneira orgánica, revelouse como fonte de inspiración. As formas xeométricas aparecen a miúdo en repeticións orgánicas dunha maneira case máxica. Se miramos, por exemplo, a folla dunha árbore a contraluz descubriremos centos de liñas conectadas que crean cadrados, rombos, triángulos… incluso círculos; porque a súa estrutura quebrada é tan sutil que percibimos a forma completa antes que as súas partes. Isto é o que sucede exactamente con Sastre, a complexidade dos seus contornos é imperceptible cando o texto se presenta en tamaños pequenos.

Fig. 3 Folla de ameneiro nas Brañas de Sar (Santiago de Compostela)

Foto de María Ramos

Recorrendo novamente á memoria, conectei coas pegadas que un novo lugar sempre deixan en nós. A cidade de Reading descubriume unha admiración descoñecida por algo cotián: as arañeiras. Sorprendeume a súa abundancia pero tamén a súas estruturas complexas e grandes dimensións. Os seus fíos interconectados creaban composicións de xeometrías abstractas, incriblemente producidas por pequenas mestras tecedoras.

Arañeira no Parque do Monte de Conxo (Santiago de Compostela)

Foto de Luis Díaz Díaz

A xeometría, inicialmente matemática, adoptou dende aquí unha nova dimensión, que me permitía vela dende unha perspectiva máis humana, máis tanxible. Afasteime da precisión do díxitos para observar e aproximarme ás formas de maneira máis natural, dende a intuición.

Esta nova visión, máis arraigada na sensibilidade, destapou algo que quizais estaba aí dende o principio, algo que formaba parte das miñas vivencias persoais e que conectaba coa miña familia. Neses trazos quebrados de suaves curvas e estrutura sólida descubrín os debuxos con xiz que meu pai trazaba sobre os tecidos. Trazos que estruturaban traxes, chaquetas, chalecos e pantalóns, adaptados para vestir o corpo de cada un dos clientes da xastrería.

Manuel Ramos debuxando sobre tea na xastrería

Foto de Jesús Madriñán

Sigo sen saber ben se foi causa ou efecto, pero o deseño derivou cara esa conexión emocional. O proxecto adquiriu unha dimensión distinta, con novas referencias e unha guía que marcaba o camiño a seguir.

O lanzamento: a tipografía

Sastre nace como unha tipografía híbrida, concepto utilizado polo profesor Gerard Unger nunha presentación sobre a mestura de influencias no deseño e na arte. No contexto actual, a tecnoloxía dixital facilitou que nos liberásemos de pautas ríxidas, abrindo a porta a unha maior experimentación no deseño de tipografías. Hoxe, as formas clásicas máis populares conviven con novas propostas formais.

Sastre bebe dos estándares da tipografía de texto para deseño editorial: contraste moderado, eixo inclinado e proporcións xenerosas. Non é unha tipografía mecana nin un deseño de estilo antigo, pero ten características de ámbalas dúas categorías. O seu valor reside principalmente en conseguir conectar referencias históricas da tipografía con outras menos esperables, como a natureza e a xastrería.

O «s» minúsculo de Sastre Medium debuxado sobre unha versión máis grosa da fonte variable

O propio proceso de creación debulla o oficio de quen deseña tipografías como artesanía dixital, permitindo os tempos necesarios para pensar, repensar e valorar o deseño dende unha visión máis humana e menos tecnolóxica.

A familia tipográfica de Sastre preséntase inicialmente coa súa versión romana, con cinco pesos e eixo variable. A versión itálica e outros estilos «display» continuarán o relato nos próximos meses, ou quizais a historia se estenda por anos.

Convidámoste a visitar a web que creamos para que poidas coñecer máis detalles do proxecto. As fontes están só dispoñibles en NM type.